CRTVG

Buscar

Medio milleiro de traballadores temen polo seu futuro

Publicado o 03/12/2020 14:22

524 traballadores están na corda frouxa. Algúns seguían o xuízo desde primeira hora na oficina sindical, via telemática e coa preocupacion reflectida na mirada.

Ángel Román Villares leva 36 anos en Alcoa: "Teño 60 anos, levo 36 traballando aquí, pero xa traballaba en Avilés nun taller como empresa exterior de Alcoa".

Águeda leva 22 anos na empresa. Non esperaba que todo fose tan rápido. "Viamos vir o problema desde A Coruña e Avilés, pero foi máis rápido do que prevía. Agora, empezar de cero outra vez".

Fóra, os ánimos vanse quentando ao longo da mañá. Aquí tamén escoitan o xuízo, con altofalantes para que chegue a todos. E matizan o número de afectados. Vicente Figueiras, leva 26 anos nunha empresa auxiliar de Alcoa: "Nós estamos en ERTE como empresa auxiliar, que para eles non conta".

Alberto Pulpeiro di que "plantean ERE para 524 persoas, pero tamén hai empresas auxiliares e afecta a toda a Mariña. O ERE plantéase para toda a Mariña".

Estenden o problema máis alá da fábrica, a comarca no seu conxunto. Auguran un futuro negro para a Mariña.

Piden solucións políticas para evitar que a situación se enquiste nos xulgados.

 

Noticias web

03/12/2020