CRTVG

Buscar

Medio cento de ovellas morren envelenadas en Cualedro

Publicado o 09/09/2020 13:56

Medio cento de ovellas morreron repentinamente no concello ourensán de Cualedro. O seu dono presentou unha denuncia perante a Garda Civil porque pensa que foron envelenadas. É a terceira vez que lle pasa nos últimos anos.

Na veiga comunal de Lucenza, onde pacen habitualmente as ovellas de Delfín, seguen aparecendo cadáveres. Hoxe contamos seis. O día antes, sacaran outras corenta. Tres tractores ateigados.

Gumersindo Carnero encargouse de retirar os cadáveres: "Eu fun o que quitei as ovellas. Cargámolas de noite. Eu carguei tres tractores de ovellas. Era unha pena. Por que lle fan iso ao meu cuñado? Se algún hai que lle queira mal, que llo diga á cara, pero que non lle mate as ovellas".

Quedou sen un terzo do rabaño. Todo en 24 horas. Sacou as ovellas a pacer e, cando regresaban, os animais empezaron a caer polo camiño.

Delfín Fernández Palomanes, dono das ovellas: "Viña para arriba á noite, cando se pinchaba o sol, e empezaron a cambalear, a botar espuma e sangue pola boca, e morreron todas. Empezaron a morrer unha diante da outra".

Delfín está convencido de que lle envelenaron o prado. Presentou unha denuncia no cuartel de Cualedro. Xa lle pasara outras dúas veces e amósase completamente desanimado, sen ganas de seguir coas ovellas.

Delfín Fernández Palomanes, dono das ovellas: "Xa me pasou outras dúas veces. Non sei. Quen me quere mal, que mo diga á cara e non me mate as ovellas. Que eu non lle fago mal a ninguén".

Advirte que, se houbo envelenamento, tamén pode haber risco para outros animais e mesmo para as persoas por posibles filtracións ás augas subterráneas.

Noticias web

09/09/2020