Medio cento de locais compiten pola mellor tapa de Lugo
No décimo quinto concurso de tapas de Lugo compiten un total de 47 propostas, correspondentes a outros tantos locais de hostalería. Con prezos axustados, de entre un e tres euros, os participantes ofrecen o mellor da súa cociña. Mirva Gutiérrez, cociñeira: "A tapa chámase asado negro. É un prato típico do meu país, de Venezuela. É unha receita típica dos escravos, de todo iso." Óscar Rubín, hostaleiro:"A tapa que temos este ano no concurso é a entraña. É unha peza que vai no costelar de tenreira, que se retira e que ten moi pouca cousa. Facémola ao natural na grella, cunha redución de mencía e con puré de pataca e ceboliño. Ten un custo de tres euros."
Ademais de degustar unha variada oferta de tapas, os clientes poderán participar en varios sorteos. Se votan a metade das propostas, optarán a unha fin de semana nunha cidade europea para dúas persoas. E se completan a ruta, farano a unha viaxe dunha semana. "Os sorteos eses están ben tamén, porque a xente así se anima un pouquiño máis. Coa cuestión da creatividade, pois probas cousas novas. Outro tipo de tapas nun sitio coma Lugo, onde hai moita variedade de tapas pero non dese tipo, máis elaborada. É doutro tipo."
José Romay, hostaleiro: "Aumenta o público nos negocios, en todos. Incluso os que non entran no concurso de tapas tamén teñen máis xente, porque o público vén ao centro a probar a tapa e tamén vai a outros bares."
Os autores das mellores tapas do concurso, que rematará o día 22, serán recoñecidos con cadansúa distinción.