Italia blíndase contra o coronavirus e as medidas esténdense a todo o país
"Eu quedo na casa". É o resumo que fai Guiseppe Conte das novas medidas que se aplican en toda Italia. Dende hoxe toda a península é, dixo, zona protexida. "Non hai tempo", aseverou o primeiro ministro italiano, que fixo o anuncio esta noite.
Noventa e sete mortos máis, 463 en total, e case 8.000 enfermos ocasionaron a extensión a todo o país do réxime que xa estaba instaurado en Lombardía e as 14 provincias foco do coronavirus. Pechan as escolas ata o tres de abril, suspéndese os eventos deportivos, incluída a liga de fútbol, prohíbese as reunións ao aire libre e en lugares abertos ao público. Bares e restaurantes pecharán ás seis da tarde. Todos os movementos estarán restrinxidos, coa excepción de casos de necesidade, por motivos laborais ou de saúde.
Toda Italia terá que afacerse aos controis que a policía e o exército implantaron no norte para permitir os desprazamentos só a quen teña un motivo xustificado. As colas nos supermercados e os comercios desabastecidos multiplícanse, ao tempo que o virus comezou xa a circular pola capital, Roma.
Os cárceres foron o foco do conflito social na xornada de onte. Seis presos morreron tras un motín no presidio de San Vittore, en Milán. Medio cento fuxiron do de Foggia, no sur, e unha trintena de penitenciarías sufriron revoltas en protesta polas medidas do Goberno, que inclúen restricións no réxime de visitas.
Italia encara primeiro día de restricións en todo o país polo coronavirus
Italia encara este martes o seu primeiro día de restricións de movemento e sociais en todo o seu territorio para tratar de conter o aumento "importante" dos contaxios por coronavirus.
O primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte, asinou onte á noite o decreto co que estende a todo o país as limitacións impostas o pasado sábado á rexión de Lombardía e outras catorce rexións do norte do país, illadas entón por ser as máis afectadas polo virus.
Segundo o último parte de Protección Civil, de onte luns, os infectados por coronavirus en Italia ascenden a 7.985, un aumento de 1.598 respecto ao domingo, e os falecidos son 463, 97 máis.
"Non hai tempo que perder, os números din que estamos a ter un crecemento importante dos contagios, de persoas ingresadas en coidados intensivos e tamén dos falecidos. Os nosos hábitos deben cambiar xa", avanzou Conte nunha rolda de prensa nocturna.
Hai dous días o Goberno dividiu o país en dous: un norte composto por Lombardía e outras catorce rexións de Piamonte, Veneto e Emilia Romagna con 16 millóns de persoas onde se impuxo fortes restricións, e o resto do país, con medidas menos severas.
Agora o Executivo impuxo as restricións a todo o territorio ata o 3 de abril para frear os contaxios.
Deste xeito en Italia non será posible moverse dunha cidade a outra a non ser que se faga por tres razóns específicas: traballo, saúde ou unha emerxencia, para o que a persoa que transite deberá certificalo nun documento.
O Goberno estende a suspensión das clases en colexios e Universidades de toda Italia ata o 3 de abril -antes era ata o 15 de marzo- e, pendente dos mozos, "prohibe" expresamente "toda forma de aglomeración de persoas en lugares públicos".
Quedan suspendidas as competicións deportivas en áreas públicas ou privadas, como os partidos de fútbol, con excepción dos adestramentos de atletas para os Xogos Olímpicos, que poderán usar eses espazos a porta pechada, e pecharanse os ximnasios.
Na rúa a xente debe manter unha distancia recomendada dun metro entre si, as persoas anciás deben permanecer en casa e os bares e restaurantes só estarán abertos desde as 6.00 horas locais ata as 18.00 (5.00 - 17.00 GMT).
E quedan pechados os cinemas, teatros, discotecas, museos ou bibliotecas, así como os actos relixiosos.
O Goberno lembrou que o decreto permite saír a facer a compra como de costume e chamou á calma para evitar aglomeracións para proverse de alimentos, pois as mercadorías poden transitar por toda Italia e non haberá desabastecemento.
Para o presidente da rexión de Lombardía, Attilio Fontana, este é "un paso necesario pero aínda insuficiente" e expresou a súa preocupación ante "a continua expansión" da epidemia e a súa repercusión no sistema hospitalario lombardo.
O presidente de Piamonte, Alberto Cirio, celebrou que "por fin se poñen regras idénticas para todo Italia" e, aínda que o decreto cambie "un pouco a vida" da xente, pediu acatalas disposicións "polo noso ben e pola nosa saúde", dixo desde as redes sociais.
"Benvida sexa esta medida do Goberno que sempre pedín", lembrou pola súa banda o presidente do Véneto, Luca Zaia, ao sinalar que a experiencia de corentena do municipio veneciano de Vo "demostra cientificamente que os casos caen co illamento".
A prensa sumouse ás recomendacións de evitar os contactos sociais. "La Repubblica" titula hoxe "Todos en casa"; "Il Corriere della Sera" sae cun "Agora toda Italia pechada" e "A Stampa" leva como titular "O Goberno blinda toda Italia".
Está previsto que este martes o primeiro ministro reúnase cos líderes da oposición para unir forzas ante esta situación.