Médicos de toda España reclaman en Madrid "dignificar" a sanidade pública
As voces de alarma chegan de todas as comunidades autónomas. O diagnóstico dos médicos é que falta un sistema estable e suficiente de financiamento para a sanidade pública. E non só para recuperar os recortes aplicados durante a crise.
Antonio Otero, secretario xeral CESM-Galicia: "Agora estamos nunha situación crítica, non só en Galicia, é xeral en toda España. Agrávase co déficit de especialistas, sobre todo en Atención Primacia, en Médico de Familia e Pediatría", di.
Piden que se melloren as condicións de formación dos MIR, e que se corrixa a falta de planificación de novos especialistas. Cren que o aumento de prazas MIR anunciado non abonda.
Gabriel del Pozo, vicesecretario xeral CESM: "En cinco anos xubilaranse unha grande porcentaxe dos médicos do Sistema Nacional de Saúde e non se formou o suficiente. A planificación que se fixo foi escasa".
Nun encontro improvisado, a ministra de Sanidade escoitou estas reivindicacións, tamén a dunha xubilación flexible ata os 70 anos, ou a recuperación da xornada de 35 horas. Medidas, din, para dignificar a profesión. Esta protesta ten o apoio de todas as organizacións médicas.