CRTVG

Buscar

Media España volve bailar na pista dos locais de ocio nocturno

Publicado o 09/10/2021 21:24

Os locais de ocio nocturno e os seus clientes levaban máis de ano e medio esperando por esta medida. Desde onte á noite xa se pode bailar en pista nas discotecas en oito comunidades autónomas. Iso si con máscara posta, gardando distancia e sen poder consumir nas zonas acoutadas.

Os máis novos celebraban ese regreso ás pistas de baile. "Ninguén se atrevía ao principio pero despois comezaron a entrar á pista e foi moi emotivo" "Agora pódese gozar xa ben" "Agora moito mellor que se pode bailar para saír coas miñas amigas e pasalo moito mellor", aseguran algúns clientes. 

Esta era a sensación xeral entre os que acudían onte á noite a unha discoteca. Por primeira vez tras máis de ano e medio abrían as pistas de baile en oito comunidades autonónomas, que eliminaban as restricións... Así ocorreu en Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León, Comunidade Valenciana, Estremadura, Navarra, o País Vasco e Madrid.

Nas Baleares aínda quedan restricións pero tamén se pode bailar nos locais de ocio nocturno desde onte á noite, en Cataluña xa se pode facer desde o xoves.
En moitos locais a imaxe desta primeira noite de baile nas pistas era semellante á de antes da pandemia, con colas na entrada, pero con máscara e sen copa na man nas zonas acoutadas... e en varias comunidades con pasaporte de covid.

Os empresarios do ocio nocturno celebraban a medida pola súa supervivencia e porque cren que axudará a evitar que se produzan botellóns.

Noticias web

09/10/2021