Medalla de ouro de Galicia para os sanitarios que traballaron na pandemia
A Xunta quere agradecerlles aos profesionais sanitarios o seu esforzo durante os meses máis duros da pandemia da Covid. Por iso este ano haberá unha soa medalla de ouro en Galicia e será para os profesionais da Sanidade que atenderon os enfermos de coronavirus.
A entrega, este 24 de xullo, será un recoñecemento ao seu traballo.
Ademais, a Xunta vai destinar máis dun millón de euros para axudar os concellos de menos de 40.000 habitantes que teñan un mínimo de 300 prazas de aloxamento hoteleiro e máis de 5 praias a implantar nas praias medidas de protección fronte á Covid.
Así mesmo, o Consello da Xunta aprobou a compra de máis equipamento de protección fronte á Covid para os hospitais galegos.
Tamén se van adquirir agullas e xiringas para estar preparados ante unha posible vacinación masiva. En total vanse investir máis de 6 millóns de euros.