CRTVG

Buscar

May sae outra vez derrotada da batalla parlamentaria

Publicado o 13/03/2019 16:35

A ampliación do acordo do brexit que May arrincou in extremis en Bruxelas volve ser rexeitada polo Parlamento británico. A 1ª ministra sae derrotada con 391 votos en contra do seu plan e 242 a favor. Así as cousas, o Parlamento británico pronunciarase hoxe sobre a posibilidade de ampliar os prazos da saída, que estaba prevista para este 29 de marzo.

Westminster volveu así dar as costas a May e aos seus dous anos longos de negociacións en Bruxelas.

"Votar por saír sen un acordo ou por unha extensións dos prazos non vai solucionar os problemas que temos", advertiu a primeira ministra británica, cun escaso fío de voz que se converteu en metáfora do esgotamento.

"Debemos votar en contra porque a súa proposta está claramente morta, e non vai ter apoio desta cámara", respondeulle o líder laborista. Pero non só votou en contra o principal partido da oposición. Tamén os socios norirlandeses do DUP nos que May apoia o goberno e mesmo un cento de deputados tories deron as costas a May, desconfiados tras o demoledor informe do avogado xeral do Reino Unido, Geoffrey Cox, explicando que as últimas concesións rabuñadas a Bruxelas non evitan os riscos legais sobre a salvagarda irlandesa.

Desde a Unión Europea responden que non poden chegar máis lonxe e a partir de agora vén a decisión. Hoxe, os parlamentarios británicos votarán sobre a posibilidade dun brexit á brava e mañá sobre a posibilidade dunha prórroga na data de saída. A terceira opción, a de repetir o referendo, é temida tamén polo líder dos laboristas, pero está na rúa.

Noticias web

13/03/2019