May pedirá unha prórroga ata o 30 de xuño, 4 días antes do 'brexit'
Faltan catro días para que o Reino Unido abandone a Unión Europea, e a primeira ministra Theresa May intensifica os contactos para conseguir unha nova prórroga que lle dea tempo a negociar cos laboristas un plan de saída que satisfaga todas as partes. A Unión Europea terá que tomar unha decisión o mércores.
O tempo aprema a primeira ministra británica á que lle quedan catro días para chegar a un acordo cos laboristas para evitar un 'brexit' duro, unha saída polas bravas da Unión Europea con consecuencias imprevisibles.
Theresa May admite avances, pero pedirá unha nova prórroga do 'brexit' ata o 30 de xuño, para non expoñerse á posibilidade dunha ruptura sen acordo. Os socios comunitarios terán que decidir no cumio do mércores se aceptan a proposta.
May vaise reunir este martes con Merkel e con Macron, aos que lles vai pedir directamente máis tempo para o brexit.