CRTVG

Buscar

May evidencia ante o parlamento que non ten un 'plan B' para o Brexit

Publicado o 21/01/2019 21:32

Sen moita alternativa. Así se presentou o plan B de Theresa May para o brexit na Cámara dos Comúns. A expectación caeu en picado, ao ver que o contido do seu discurso carecía de grandes novidades. Insistiu en renegociar o tema da salvagarda irlandesa con Bruxelas e desbotou un segundo referendo.

O Parlamento británico, coas orellas ben abertas para escoitar o plan B de Theresa May para o brexit, tras o desastre histórico da votación. Unha treboada, que non semella que vaia escampar, ante un discurso baleiro de contido. Pouco de novo, salvo a eliminación da taxa duns 75 euros, aos europeos que queiran permanecer no país tras o proceso, e unha chamada a buscar unha solución sobre a polémica salvagarda que afecta a fronteira irlandesa e poder levala a Bruxelas.

Idea que recollía durante a xornada a prensa británica. En Bruxelas, Barnier, negociador xefe da Comisión Europea, reuniuse co ministro irlandés de Exteriores, e desbotou rotundamente a posibilidade dun acordo que pase por eliminar a rede de seguridade ideada para a fronteira irlandesa.

As demandas continuas dos parlamentarios, unha prórroga do prazo para o brexit ou un segundo referendo, desbotado por May por sentar un dificil precedente ante os plebiscitos. Seguinte paso, o 29 de xaneiro, cando teña lugar a seguinte votación na Cámara dos Comúns.

Os cidadáns comunitarios que viven no Reino Unido, preto de 4 millóns de persoas, e queiran permanecer no país tras o brexit, xa poden facer o rexistro para obter o estatuto de asentado permanente, prazo que se extende ata xuño de 2021.

O brexit tampouco afectará os dereitos de voto dos británicos residentes en España nin os dos españois residentes no Reino Unido tras un acordo asinado tamén este luns entre os Gobernos dos dous países.




 

Noticias web

21/01/2019