Máximas propias da primavera en febreiro
Segue o tempo primaveral, practicamente de verán. En Pontevedra, as marcas son históricas. Os termómetros rozaron onte os 27 graos liderando as máximas de toda Europa nesta temporada de calor sen precedentes para esta época no continente.
O tempo primaveral manterase nesta última semana de febreiro con temperaturas máis propias de mediados de maio, que superarán entre 5 e 10 graos os valores normais. As temperaturas nocturnas son frías, pero polo día soben entre 11 e máis de 20 graos, chegando a superar os 25 en Ourense e Pontevedra, que acada a máxima prevista de Galicia con 26.
Nas cidades galegas, as temperaturas máximas seguen sendo altas. En Pontevedra, os valores chegan ata os 26 graos, mentres que os valores mínimos descenderán ata 1 grao en Lugo. As altas presións do norte de Europa continuarán impedindo o achegamento das borrascas atlánticas, polo que, de novo, a estabilidade será predominante. O ceo estará en xeral pouco anubrado ou despexado, con entrada de nubes altas pola tarde. O vento soprará frouxo do sur. Pola súa banda, as temperaturas non experimentarán cambios moi significativos, polo que continuarán con valores elevados para a época do ano.
Para mañá espérase que Galicia quede baixo a influencia dunha borrasca que deixará ceo parcialmente cuberto con choiva, máis probable na metade oeste. As temperaturas terán un considerable descenso.