CRTVG

Buscar

Morre un mozo de 24 anos dunha malleira na Coruña

Publicado o 03/07/2021 13:16

• A agresión sucedeu fronte a unha discoteca da cidade

Evacuárono ao CHUAC en estado crítico. Os sanitarios intentaron reanimalo durante case dúas horas, pero finalmente o mozo faleceu no hospital. A autopsia permitirá concretar a causa da morte, pero xa sabemos que recibiu múltiples golpes na cabeza. Foi na avenida de Bos Aires, no paseo marítimo coruñés.

A hora da agresión coincide coa hora do peche dos locais de ocio nocturno. A Policía Nacional asumiu a investigación do caso.

As autoridades aínda non concretaron o número de agresores nin confirmaron detencións. Fontes próximas ao caso sinalaron que non se utilizaron armas na liorta. Segundo relataron varias testemuñas, a malleira desencadeouse porque a vítima comezou a gravar os agresores co seu teléfono móbil. Posiblemente, as cámaras de seguridade que hai na zona achegarán información útil para a identificación dos autores deste brutal ataque.