CRTVG

Buscar

Mata a súa muller en Sestao e suicídase lanzándose á ría

Publicado o 12/02/2021 18:33
Mata a súa muller en Sestao e suicídase lanzándose á ría

Un home de 57 anos matou, presuntamente, a súa muller de 56 anos na localidade biscaíña de Sestao e despois suicidouse lanzándose á ría do Nervión na mesma localidade. O corpo do home foi localizado flotando na ría, preto do espigón que separa a dársena da Benedicta do leito da ría, unha zona frecuentada para pasear e correr, pouco antes das 9 da mañá. 

Tras recuperar o cadáver, unha operación en que participaron a Ertzaintza e a Cruz Vermella baixo a dirección da Garda Civil por tratarse de augas do porto de Bilbao, identificouse o corpo e unha patrulla da Ertzaintza desprazouse á vivenda do falecido pouco antes da 1 do mediodía. Ao chegar ao piso onde residía, preto do lugar onde se recuperou o cadáver do home, os axentes que ían comunicar á familia o falecemento do home atoparon morta a súa muller con evidentes signos de violencia, que, segundo os veciños do lugar, son as feridas producidas cunha machada. 

Segundo os veciños, a parella, Conchi e José Luis, residía desde hai décadas na mesma vivenda e tiña dous fillos, unha moza e un mozo de máis de 30 anos xa emancipados, e unha neta. Tamén tiñan dous cans pequenos. O marido estaba no paro desde hai anos e a muller traballaba no comedor nun colexio.