CRTVG

Buscar

Maside entra no máximo nivel de restricións xunto a Vilardevós e Paradela

Publicado o 19/03/2021 14:51

Estes días podemos movernos por toda Galicia salvo para ir aos concellos de Vilardevós, Paradela e Maside. Os tres  están perimetrados e en risco máximo polo alto número de contaxios. 

Hoxe Maside é un deserto. Á tranquilidade dun día festivo súmase o seu ingreso no nivel máximo de restricións. Coas tendas e os bares pechados e sen case ruído de tráfico, só a música que pon este veciño pon un chisco de vida no ambiente.

Na entrada da igrexa de Dacón un grupo de veciños aproveita para felicitarse polo San Xosé e comentar o cribado de onte. A participación superou o 70% e algúns resultados chegaron antes da misa de doce.

Foron facer a PCR uns 650 veciños, entre eles atopouse un novo contaxiado. Deste xeito soben a 14 os casos activos, que están concentrados en dous gromos familiares. A boa noticia é que prevén altas para a semana que vén.

Paradela, en Lugo, Vilardevós en Ourense e agora tamén Maside. Tres illas vermellas no mapa de Galicia. Os tres teñen menos de 3000 habitantes e os tres agardan conter o virus con responsabilidade e un penúltimo esforzo de todos os veciños.
 

Noticias web

19/03/2021