Mas Móvil garante o emprego en R logo da OPA de Euskaltel
O grupo Más Móvil finalmente sacou adiante e sobre as previsións iniciais a OPA sobre Euskaltel, a actual dona de R. A teleco xa lanzou unha mensaxe de tranquilidade aos traballadores da vella cableira galega. Consúmase deste xeito o terceiro cambio de propiedade en tan só unha década. Mas Móvil adquiriu máis do noventa e sete por cen do capital social de Euskaltel, a dona ata agora de R, e afianza a súa posición como a cuarta operadora do país, máis preto de Vodafone.
É por suposto un cambio relevante para R, que acaba de recibir tres noticias importantes: a primeira, que Mas Móvil se compromete a non facer ningún ERE entre o cadro de persoal de R. A segunda, que manterá a súa sede social na Coruña. E a terceira será a que máis noten os clientes, ou polo menos de xeito máis inmediato: R vai dispoñer da fibra óptica e do 5G de Mas Móvil, e moi previsiblemente xubilará a súa infraestrutura de cable coaxial.