CRTVG

Buscar

Martinón: "Os que se vacinen con AstraZeneca que o fagan tranquilos e contentos"

Publicado o 12/03/2021 15:40

Nin a Axencia Europea do Medicamento nin a española atopan motivos de alerta na vacina de AstraZeneca, nin relación cos trombos, que se están investigando. Ven máis unha coincidencia no tempo, que teñen que investigar pola altísima prudencia dos protocolos sanitarios. 

Segundo Federico Martinón, xefe de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, a Axencia Europea do Medicamento analizou máis de 5 millóns de persoas vacinadas e atopou só 30 casos destes coágulos, o mesmo número se esas persoas non se vacinasen.

En España o lote investigado, que se retirou nalgúns países, xa se estivo aplicando sen problemas. A ministra de Sanidade, Carolina Darias, confirmou que xa foi subministrado e a maioría xa se aplicou. Porén, algunhas comunidades aínda tiñan algunha dose sen inxectar.

Asturias e Andalucía decidiran retelas por prudencia pero van seguir vacinando con normalidade. "Alguén no seu xuízo pode pensar que se houbese a máis mínima dúbida sobre a seguridade da vacina, os órganos reguladores ían permitir seguir vacinando", subliña Amos García, presidente da Asociación Española de Vacinoloxía.

En España xa se administraron máis dun millón 300.000 doses da vacina de AstraZeneca. "Os que teñan a sorte de ser vacinados estes días que o fagan tranquilos e contentos", asegura o doutor Martinón.

Noticias web

12/03/2021