CRTVG

Buscar

Marrocos reta a España a tomar partido sobre o Sáhara para acabar coa crise

Publicado o 31/05/2021 14:15
Marrocos reta a España a tomar partido sobre o Sáhara para acabar coa crise

A "grave crise" entre Madrid e Rabat non vai rematar coa comparecencia do líder saharauí Brahim Ghali este martes na Audiencia Nacional. Segundo o ministerio marroquí de Exteriores, será cando "España aclare sen ambigüidades as súas eleccións, as súas decisións e as súas posicións" respecto ao Sáhara Occidental.

Nun comunicado oficial, asegura que o chamado caso Ghali "revelou a conivencia do noso veciño do norte cos adversarios do Reino para socavar a integridade territorial; as actitudes hostís e as estratexias prexudiciais de España cara a cuestión do Sahara".

"Como podemos saber que España non volverá conspirar cos inimigos do Reino? (...) Como restablecer a confianza despois dun erro tan grave? (...) Que busca realmente España?", pregúntase.

Para Marrocos, "a crise non se limita a un home (Brahim Ghali, que mañá responderá ante o xuíz Santiago Pedraz polos supostos delitos de xenocidio e lesa humanidade). Non comeza coa súa chegada nin terminará coa súa partida. Trátase ante todo dunha cuestión de confianza e de respecto mutuo, rotos entre Marrocos e España", prosegue a declaración. 

Brahim Ghali ingresou no Hospital San Pedro de Logroño o 17 de abril, afectado dun caso grave de covid-19, e a ministra española de Exteriores, Arancha González Laya, atribuíu posteriormente a súa presenza no país a "razóns estritamente humanitarias".

"Solidario con España"

Lembra que durante a visita dunha delegación catalá no 2012, o goberno de Rabat modificou o seu programa, a pedimento do español, para que "non fose recibida ao máis alto nivel" e, no 2017, "rexeitou a petición de visita e reunión dun gran líder do  separatismo catalán".

"Cal sería a reacción de España se un representante do separatismo fose recibido no Palacio Real marroquí? (...) Se fose recibido pública e oficialmente polo seu aliado estratéxico, o seu importante socio comercial e o seu veciño máis próximo ao sur?", interrógase o ministerio. 

O comunicado cita outros exemplos nos que "Marrocos demostrou sempre ser solidario con España" e precisa que "fai unha distinción entre a amizade do pobo español e o dano causado por certos círculos políticos", que non identifica. 

"Marrocos non ten ningún problema cos españois, os seus cidadáns, os seus operadores económicos, os seus actores culturais e os seus turistas, que son ben acollidos como amigos e veciños de Marrocos (porque o país magrebí) seguirá apegado á súa natural e xenuína amizade co pobo español", conclúe.

Noticias web

31/05/2021