Marrocos nega que haxa contactos diplomáticos con España
A ministra española de Exteriores está hoxe no Ecuador, pero pendente da crise con Marrocos. González Laya asegura que ambos os dous gobernos manteñen contactos discretos, unhas conversas que o seu homólogo marroquí nega rotundamente.
Nunha entrevista radiofónica, Nasser Bourita, afirmou que "en contra do que di a ministra española, non hai ningún contacto entre Marrocos e España". Culpa a España de provocar unha crise que, advirte, pode agravarse se o líder da Fronte Polisario abandona o noso país como entrou.
Aínda así, o Goberno de Sánchez insiste en que a diplomacia está funcionando. O ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, amosouse convencido de que a diplomacia "gañará espazos e iremos atenuando estas cuestións", e asegurou que hai xa hai unha mellor coordinación entre as autoridades.
Segundo os últimos datos, 7.800 marroquís xa foron devoltos ao seu país. O presidente de Ceuta, Juan José Vivas, calcula que aínda hai 3.000 persoas na cidade autónoma que non foron retornadas ao seu país.
A falta de documentación dos máis de 800 menores que entraron ilegalmente en Ceuta dificulta a súa repatriación. Un deles tentou escapar da nave industrial do Tarajal onde se agrupa unha parte. Ao subir ao teito fracturou unha perna e tivo que ser rescatado por un policía nacional e polos bombeiros.