CRTVG

Buscar

Maroto pediralle a Alcoa que aclare se quere vender "sen esixencias inalcanzables”

Publicado o 04/05/2021 23:00

• A ministra de Industria traslada ao comité de San Cibrao que a SEPI "triangulará" a venda e que hai investidores españois interesados

Maroto pediralle a Alcoa que aclare se quere vender "sen esixencias inalcanzables”
EFE

A ministra de Industria, Comercio e Turismo Reyes Maroto comprometeuse na reunión que mantivo este martes co comité de empresa de San Cibrao a falar coa central de Alcoa para coñecer se mantén o seu compromiso de vender a planta de aluminio primario; iso si, sen as esixencias inalcanzables que impuxo.

O propio Goberno informou á prensa de que a ministra lle pedirá á dirección de Alcoa que analice a viabilidade dos diferentes proxectos presentados por empresas interesadas na adquisición da planta, que venda e deixe de causar dano na Mariña.

Maroto participou na reunión telemática de seguimento sobre o futuro da planta de Alcoa en San Cibrao, que se celebrou esta noite, e pediulles aos sindicatos unidade de acción para alcanzar un acordo satisfactorio que garanta as capacidades produtivas da planta de Lugo, segundo informou o propio Ministerio nun comunicado.

Tamén informou o comité do interese de varias empresas na devandita planta, mesmo por parte dalgúns investidores españois, o que demostra que a fábrica é viable.

Por iso, pediulles aos sindicatos confianza no Goberno español e lembroulles a importancia de estaren unidos, tanto as administracións como os sindicatos, fronte á multinacional do aluminio.

O Goberno, como o fixo desde o principio, pon todos os instrumentos á súa disposición, incluída a SEPI, para facer posible esta venda e traballará coa Xunta de Galicia para acompañar os proxectos de futuro para a planta da Mariña, subliñan no Ministerio.