CRTVG

Buscar

Maroto atribúe as ameazas ao "discurso de odio" da extrema dereita

Publicado o 27/04/2021 11:14
Maroto atribúe as ameazas ao "discurso de odio" da extrema dereita

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, asegurou este martes que a ameaza que recibiu en forma de navalla ensanguentada é consecuencia do "discurso de odio" da extrema dereita.

En declaracións a Ràdio 4, Maroto advertiu de que "o discurso do odio está a calar" e alertou de que está en risco a democracia en España.

Onte, Maroto recibiu no ministerio un sobre que contiña unha navalla aparentemente ensanguentada, enviada por un veciño do Escorial (Madrid) que supostamente padece problemas psiquiátricos.

Ademais de Maroto, tamén recibiron cartas con ameazas o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, o candidato de Unidas Podemos en Madrid, Pablo Iglesias, e a directora xeral da Garda Civil, María Gámez.

Hoxe, Maroto pediu "pensar nas causas" que propiciaron estes feitos, en referencia ao "discurso de odio da extrema dereita", e doutra banda sinalou que as ameazas non se poden condenar de forma "xenérica".

Doutra banda, sinalou que "a ultradereita fixo das forzas armadas e a bandeira española unha maneira de chegar á cidadanía".

"Se eu estou ameazada é en parte polo seu discurso do odio e por chamarme 'Goberno criminal'. Temos un problema se isto cala", asegurou a ministra.