CRTVG

Buscar

O Goberno asegura que a vindeira semana haberá máscaras "suficientes"

Publicado o 16/04/2020 22:31

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, asegurou este xoves que a partir da semana que vén haberá suficientes máscaras dispoñibles en canles comerciais e farmacias para que a poboación poida dispoñer desta protección en caso de que a considere necesaria.

Maroto destacou na conferencia de prensa no Palacio da Moncloa, xunto coa portavoz do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero, o "éxito" das novas liñas de produción de máscaras, consecuencia do traballo conxunto que Industria está a desenvolver co grupo Mondragón.

Está previsto que hoxe chegue a Madrid dende Shanghai un avión militar con material sanitario e catro máquinas pra producir máscaras. Unha delas irá para Defensa, e as outras tres a unha fábrica do propio grupo Mondragón. Ese equipamento vai permitir producir máis de dez millóns de máscaras cirúrxicas ao mes en España.

A esta produción nacional súmanse oito talleres de confección foron adaptados e contan cunha produción de trescentas mil máscaras á semana. Isto, xunto coas do grupo Mondragón, vai permitir contar en poucos días cunha produción nacional que a titular de Industria espera que se incremente nas próximas semanas. Con todo, polo de agora as farmacias só teñen asegurado o material de protección para os seus proios traballadores.

A ministra lembrou que, desde o inicio da pandemia e ata o 14 de abril, o Goberno distribuíu entre as comunidades autónomas máis de 77,8 millóns de unidades de material sanitario, "o envío está a permitir facerlle fronte á crise sanitaria nas mellores condicións posibles". A magnitude da pandemia puxo de manifesto a necesidade de ter suficiente reserva e dispoñibilidade de equipos de protección tanto para o persoal sanitario como para o resto de traballadores, e tamén de material sanitario, especialmente no ámbito de respiradores.

A demanda deste tipo de produtos disparouse en mercados internacionais, o cal dificulta o seu abastecemento, explicou. Desde o comezo da crise, unha das prioridades do Goberno era contar cunha reserva estratéxica de material sanitario e equipos de protección, e por esa razón Industria púxose a traballar para impulsar aqueles proxectos susceptibles de incrementar a produción nacional, xa sexa a través da modificación de liñas existentes ou mediante a creación doutras novas, detallou.

 

Noticias web

16/04/2020