CRTVG

Buscar

Envían ameazas, con balas en sobres, a Marlaska, Iglesias e á directora da Garda Civil

Publicado o 23/04/2021 16:25

O ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska, o exvicepresidente segundo e candidato de Podemos á Comunidade de Madrid Pablo Iglesias e a directora xeral da Garda Civil María Gámez recibiron senllas cartas con cartuchos de bala no seu interior. A denuncia de Marlaska, á que tivo acceso EFE e foi presentada na comisaría do Congreso ás 16:42 deste xoves, explica que na carta se di textualmente: "Tes dez días para dimitir. O tempo de rirte de nós terminou. Policía Nacional. Garda Civil. O tempo telo en contra para os taponazos". Engade a denuncia que no interior da carta había dous cartuchos sen percutir do calibre 7,62 x 51.

Iglesias, pola súa banda e segundo fontes próximas á dirección de Podemos, recibiu outra carta similar ás de Marlaska e Gámez, que chegou a dependencias do Ministerio do Interior e que contiña dúas balas de Cetme. O líder de Podemos, que foi vítima de varias ameazas similares, anunciou que vai denunciar os feitos, segundo as mesmas fontes.

Mentres, Gámez xa denunciou os feitos nas dependencias oficiais da Garda Civil. Fíxoo tamén hoxe, ás 16:30 horas, segundo a denuncia á que tivo acceso EFE. Segundo consta na denuncia, foi onte ás 16:08 horas, e a través do responsable da secretaría do seu despacho, cando tivo coñecemento dun sobre anónimo que contiña no seu interior unha nota ameazante contra a súa persoa e un cartucho do calibre 7,62 milímetros

O presidente do Goberno amosou en Twitter a súa rotunda condena ás graves ameazas recibidas por Gámez, Marlaska e Iglesias. Di Pedro Sánchez que para afrontar as discrepancias hai que usar a palabra, e que fronte ás ameazas e a violencia hai que poñer a xustiza e a democracia.