CRTVG

Buscar

Marlaska di que non vai dimitir e a oposición pídelle a Sánchez que o cese

Publicado o 06/04/2021 08:17

Na súa primeira declaración pública tras a sentenza da Audiencia Nacional que anula o cesamento do coronel da Garda Civil Diego Pérez de los Cobos, o ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska di que non pensa dimitir. A oposición prepara unha ofensiva parlamentaria para que o cese o presidente do Goberno.

Fernando Grande-Marlaska, Ministro do Interior: "Non teño ningunha vontade de dimitir, sigo traballando. Saben que o Goberno non fai ningunha valoración de resolucións xudiciais e, en último termo, o Goberno xa manifestou a súa decisión de recorrer contra a resolución a que vostede fai referencia".

Con contundencia, o ministro de Interior rexeita dimitir mentres a oposición redobra a ofensiva para que Pedro Sánchez o cese.

Ana Beltrán, vicesecretaria de Organización do PP: "Converteuse no peor ministro do Interior da democracia. Traizoou a súa traxectoria ao cesar a Pérez de los Cobos por negarse este a cumprir unha orde ilegal. Marlaska non pode seguir nin un minuto máis no Goberno. O contrario sería unha humillación á Garda Civil e a todos os españois".

O PP advirte: se Sánchez non cesa hoxe a Marlaska, iniciarán unha ofensiva parlamentaria, cunha solicitude de comparecencia urxente no Congreso do ministro e da directora da Garda Civil sobre o cesamento do coronel Pérez de los Cobos, en maio do ano pasado, como xefe da Comandancia da Garda Civil en Madrid por non informar sobre a investigación que se estaba levando a cabo pola celebración das concentracións do 8M.

Ciudadanos, pola súa parte, xa presentou unha proposición non de lei no Congreso na que insta ao Goberno a que cese a Marlaska de xeito inmediato.

Edmundo Bal, portavoz adxunto de Ciudadanos no Congreso: "Paréceme vergoñento que o ministro non dimita e non teña dignidade. Marlaska ten que presentar a súa dimisión, e, se non a presenta, o señor Sánchez ten que cesalo".

A sentenza da Audiencia Nacional, contra a que Interior recorreu, obriga a restituir a Pérez de los Cobos no seu posto de traballo e invalida por tanto a súa destitución. O coronel pediu que se faga efectiva xa, sen esperar a que a sentenza sexa firme. A decisión tomarase previsiblemente esta semana.

Noticias web

06/04/2021