CRTVG

Buscar

Marino Zapata: "As primeiras axudas serán para a compra de vivendas e útiles persoais"

Publicado o 30/09/2021 11:35

Este xoves foi festivo na Palma, celebraron o San Miguel, o patrón, e neste ano cun cariz único. No seu discurso o presidente do Cabido recordou o seu valor e que é representado facendo fronte a calquera adversidade.

Nunha entrevista no informativo Bos días, Mariano Zapata, presidente do Cabido da Palma, agradeceu todas as mostras de solidariedade que está a ter a xente cos habitantes da Palma e manifestou que "xa hai mil vivendas que se perderon" pola erupción do volcán Cumbre Vieja.

Agora, a administración da Palma centra os seus esforzos en habilitar unha oficina de atención ao cidadán onde recibir todo tipo de axudas. Zapata destacou que "haberá funcionarios das tres administracións e atenderán de maneira integral a todos os veciños". Unha das súas prioridades é a compra de vivendas para os afectados; ata onte xa mercaran ao redor de cen e xa traballan noutro cento máis. Os inmobles xa están construídos e algún necesitaría un pequeno arranxo. Zapata afirmou: "A finais de outubro ou principios de novembro queren entregar a maior parte das vivendas".

O presidente do Cabido recoñeceu que unha das grandes preocupacións dos veciños "son os documentos que acreditan a titularidade das súas propiedades", por iso manifestou que "co mínimo documento que o acredite, daranlle todo tipo de solucións".

Os nenos aínda non volveron ao colexio, por iso o Cabido xa puxo a disposición un centro escolar para que comecen a próxima semana as clases, unha decisión que depende do Goberno de Canarias. Isto suporá unha certa volta á normalidade dos nenos.

"Haberá ERTE específicos ou axudas para os que perderon o seu traballo", manifestou Zapata, e referiuse a todos os afectados no sector primario. O Goberno insular traballa nunha liña de axuda para que os agricultores poidan seguir traballando nos plátanos porque "é o medio de vida máis importante que ten a illa". Os pescadores tamén terán liñas de axuda directa.

Noticias web

30/09/2021