Marina Meridional merca Vulcano e prevé iniciar a actividade de inmediato
• Operará co nome de Astilleros San Enrique
A empresa Marina Meridional, do Grupo Argos, asinou este xoves a escritura de compravenda da unidade produtiva do centenario estaleiro vigués Vulcano, que bautizará como Astilleros San Enrique, e ten a intención de iniciar a actividade "de forma practicamente inmediata".
Así o anunciou o director xeral de Marina Meridional, Juan Moreno, tras formalizar a operación de compravenda, fixada en 7,8 millóns de euros, que foi a oferta que fixo, a única que se presentou, perante o xulgado do Mercantil 3 de Vigo, que leva o proceso de liquidación do estaleiro do barrio de Teis.
Acompañado de José María Soriano, director de Astilleros San Enrique, Juan Moreno cifrou en 2,3 millóns a parte pendente de abonar, para o que ten de prazo ata o 31 de marzo, coa opción de facelo a través dunha subrogación dun crédito con Fogasa ou ben mediante un pago directo.
Moreno salientou que apenas tiveron ocasión de avaliar o estado das instalacións, pero das visitas preliminares inferen que se pode iniciar a actividade, aínda que "nun nivel baixo", de forma "practicamente inmediata".
Iso sucederá en paralelo ao reaconcidionamiento das instalacións, con vistas á execución do plan industrial que Marina Meridional ten reservado para as antiga Factorías Vulcano, e que será "preferentemente naval", garantiu Moreno.
Non se contempla, pois, ningún outro uso que o industrial, nin como expuxo o expresidente da Autoridade Portuaria de Vigo, para uso loxístico. O novo propietario do estaleiro de Teis mostrouse "plenamente convencido" de que poderá manter a concesión da parte que ocupa de chan portuario -"asinamos con esa condición", matizou-, a pesar de que hai aberto un contencioso que deberá resolver o tribunal de conflitos xurisdicionais.
Astilleros San Enrique enfocará a súa actividade de construción naval en "barcos de certo valor engadido", e aínda que se tomarán "un tempo" para definir cal será a súa oferta, Moreno avanzou que pretenden optar por "pequenas series antes que unidades a medida e cousas que sexan un pouco desmesuradas".
A idea é ir incorporando o persoal de forma gradual, conforme haxa carga de traballo e se vaian poñendo en marcha as instalacións, e apoiarse nas empresas auxiliares locais. No curto prazo, Moreno calcula que poden incorporarse entre 25 e 40 traballadores, e no medio, ata 200, e cando comece a construción de buques "as necesidades -de persoal- multiplicaranse".
Non hai compromiso ningún de subrrogación do antigo persoal de Factorías Vulcano, aínda que desde Marina Meridional valórase e tentará "dar continuidade" á "experiencia e o coñecemento das instalacións". "Todo iso terase en conta, pero non hai obriga", aseverou Juan Moreno.