CRTVG

Buscar

Marín pasa a nivel alto con 62 casos activos, 15 deles nun colexio

Publicado o 21/04/2021 14:15

O cribado a adolescentes entre 12 e 17 anos mediante as probas de saliva nas farmacias destapou os primeiros casos.

"Dos case 600 alumnos que temos, hai 15 positivos localizados na etapa de secundaria", di Lucía Guede Freire, directora pedagóxica do colexio A Inmaculada.

O centro ten tres aulas pechadas e entre hoxe e mañá farán a proba o resto de alumnado e persoal do centro que non está confinado.

"Empezamos a facer clases telemáticas, falei con todos e atópanse ben", engade a directora pedagóxica do centro.

A evolución da covid na vila é preocupante, e por iso Sanidade endurece as restricións. De novo a hostalería pecha no interior e só atende o 50 por cento na terraza.

Serán días duros para este sector, que de novo reinvidica a seguridade dos seus negocios.

Con 62 contaxios nas últimas dúas semanas, a incidencia acumulada na vila roza os 250 casos por cada cen mil habitantes.

Noticias web

21/04/2021