CRTVG

Buscar

Mariano Rajoy: "Apoiarse en Podemos ou ERC para gobernar é un disparate"

Publicado o 09/12/2019 10:49

• O ex-presidente concédelle unha entrevista á TVG coincidindo coa presentación do seu novo libro

'Una España mejor' é o título que elixiu Mariano Rajoy para o libro que acaba de publicar e que este luns presenta en Santiago. Algúns din que de memorias; outros, de reflexións sobre o pasado inmediato e o que está por vir. Con Mariano Rajoy, ex-presidente do Goberno, conversou no Bos días Marcos Sueiro en Sanxenxo.

"No libro intento explicar os acontecementos máis importantes que se produciron na miña etapa como presidente do Goberno. Explicar as decisións que tiven que tomar e o contexto en que o fixen", explicou Rajoy. "Uns amigos convencéronme para que escribise o libro porque algunhas experiencias poden ter valor de cara ao futuro. Se non as escribía eu, pódeno facer outros e ao mellor non me gusta".

O ex-presidente analizou na entrevista a situación política actual. Na súa opinión, "o nacionalismo camiña a gran velocidade cara á Idade Media". Recordou o momento en que se aprobou a aplicación do artigo 155 da Constitución.

"O ideal sería que non tivese que aplicarse nunca. Tardei en facelo. Esperaba o consenso co PSOE e con Ciudadanos. Intentei que Puigdemont rectificase, pero no quixo e tiven que actuar", explicou.

"A crise económica foi un momento moi duro, tiven que facer cousas que nunca pensara", asegurou Rajoy para referirse a esa fase do seu Goberno. Non obstante cre que a situación actual é mellor e non prevé que volvamos sufrir unha recesión como aquela, porque "moitas cousas xa se arranxaron. Non vexo no horizonte unha situación económica tan dramática como a que pasamos".

"É absurdo que España estea cos orzamentos que aprobou o meu Goberno hai xa máis dun ano. Non se pode vivir do que fixeron outros", afirmou Rajoy nesta entrevista para referirse a situación co goberno actual e o bloqueo logo dunhas eleccións que tiveron que repetirse e que agora esteamos de novo en medio dunhas negociacións para a investidura.

Rajoy tamén detallou como se produciu a sucesión do Rei: "A substitución na Xefatura do Estado foi unha operación que se fixo moi ben", explicou. "Rubalcaba axudou moito, levouse con discreción. En España hai institucións por enriba das persoas".

E finalmente analizou a situación do futuro Goberno: "Eu sempre apostei por posicións moderadas. Eu propuxen no seu día que se fixese unha gran coalición. E agora, poñerse en mans de Podemos, que non deixa de ser un partido de extrema esquerda, ou ERC, que hai unhas datas estaba declarando a independencia e que se lle aplicou 155, co voto favorable de Pedro Sánchez, pois é un disparate. Así non se vai poder gobernar".