CRTVG

Buscar

Marea Galeguista abre un debate interno e abordará o seu futuro o 25 de xullo

Publicado o 13/07/2020 15:40
Marea Galeguista abre un debate interno e abordará o seu futuro o 25 de xullo

O integrante do Consello das Mareas Francisco Manrique avanzou que o máximo órgano de Marea Galeguista debaterá o seu futuro o próximo 25 de xullo, así como se abrirá un debate interno tras un resultado nas eleccións autonómicas (un 0,22% dos votos) que o que foi o candidato da mesma Presidencia da Xunta, Pancho Casal, definiu como un "desastre absoluto".

Manrique avanzou que se chamará a "construír desde as mareas locais todo o que haxa que construír". Neste sentido, indicou que se realizará unha reflexión sobre o "mínimo resultado" deste domingo, sobre o que subliñou que tamén afectou cidades e vilas ondew se pasou de contar con ata un 30% de votos a "non chegar ao 5%".

Do mesmo xeito, remarcou que o PPdeG foi a forza máis votada nas cidades galegas a pesar de que non ostenta ningunha das súas alcaldías. Ao seu xuízo, esta situación mostra que "a política galega ten unha dinámica interna diferente das demais" e destacou que "por iso o galeguismo era tan importante" para Marea Galeguista.

Preguntado polos medios, Pancho Casal asegurou que "sempre" está "dispoñible" para Marea Galeguista, pero insistiu en que non se integrou na mesma para ser un líder, senón "un máis". Así, sinalou que asumiu a candidatura á Presidencia da Xunta "porque alguén o tiña que facer" e remarcou que a súa continuidade á fronte da confluencia é "o menos importante" neste momento. 

Así mesmo, Casal apuntou que continuará o traballo realizado para presentar "proxectos para axudar os que o pasan mal" na comunidade e advertiu de que o PPdeG non cambiará as súas políticas. Así, sinalou que Marea Galeguista manterá a súa posición para que a Xunta "teña unha oposición social", xa que, segundo afirmou, "vai tentar outra vez pechar o servizo de partos de Verín (Ourense) e abrir a mina de Touro (A Coruña)".

Respecto ao resultado electoral, Pancho Casal lamentou o "absoluto desastre", pero asegurou que os integrantes da candidatura continuarán na mesma liña de traballo ante a situación "tan grave" á que se enfrontará a comunidade tras a pandemia. 

Deste xeito, felicitou a Feijóo pola revalidación da súa maioría absoluta e recoñeceu a "confianza tan ampla" que lle outorgou a cidadanía galega.

Tamén valorou a "vitoria moral" da candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, aínda que fose "insuficiente para articular unha maioría de progreso que debía ser coral para ser unha alternativa crible ao PP".

Precisamente, Casal achacou a perda de votos ao feito de que a cidadanía optara "por un voto útil ao BNG" ao tratarse de "unha forza da que tiña máis coñecemento" que de Marea Galeguista. Así, remarcou que "o descoñecemento da coalición pola súa recente estrea política influíu moi negativamente á hora de solicitar a confianza da xente nestes comicios".