Marcha na Coruña contra a violencia machista e para pedir xustiza para Mónica
Os veciños do Birloque marchan en lembranza de Mónica Marcos, a última vítima da violencia machista, e para mostrarlle o seu apoio á familia.
Convocada pola asociación de veciños do barrio onde vivía a vítima, a marcha percorreu as rúas da Coruña entre a Praza da Palloza e a Praza de María Pita. Na cabeceira, unha pancarta coa foto de Mónica a carón do lema "Basta xa" e "Xustiza para Mónica". A manifestación transcorreu practicamente en silencio, pero os asistentes non deixaron de mostrar o seu rexeitamento á violencia de xénero. Tamén pediron o endurecemento das penas por este tipo de crimes.
Mónica Marcos tiña 52 anos e foi asasinada hai unha semana presuntamente pola súa parella sentimental, que despois de fuxir foi localizado en Madrid e xa está preso. Os veciños do Birloque vanse concentrar todos os xoves en silencio diante da panadería que rexentaba a vítima.