Mar insta a bateeiros e percebeiros a acordaren unha nova repartición de zonas

Bateeiros e percebeiros levan semanas de enfrontamentos en toda a costa galega. A consellería do Mar reuniu hoxe as dúas partes en conflito para que traten de chegar a un acordo.
A pelexa repítese case a diario. E este xoves foi nos arredores da Torre de Hércules. Os bateeiros van raspar mexilla das rochas, algo que a lei lles permite. Pero os percebeiros din que ao sacar a mexilla están acabando tamén con toda a cría de percebe. Por iso impiden o acceso a aquelas pedras en que mellor se dá o recurso. Este foi un ano malo para a pesca e é moi importante para eles poder vender bo percebe cando volvan os turistas.
Silvia Crespo, patroa maior da Confraría da Guarda, asegura que "poden chegar a unha guerra moi grande. Nós temos que defender o noso. Eles defenden o deles, pero nós temos que defender o noso. Onde están sacando esa mexilla non nos vai vir o percebe. Están raspando todo".
A consellería do Mar está mediando nun conflito que leva tempo enfrontando o sector. A semana pasada houbo un primeiro encontro. E este xoves as partes volveron xuntarse.
Rosa Quintana, conselleira do Mar, dixo que estiveron "analizando a costa e agora as asociacións de bateeiros e os presidentes das asociacións volverán falar cos seus socios para a próxima semana estableceren definitivamente onde se pode extraer mexilla e onde non".
Agora cada confraría está facendo un listado coas zonas que quere reservar para o percebe. Os bateeiros tamén se reunirán para decidir que rochas queren explotar eles. E a próxima semana os dous bandos volverán reunirse. Empezarán a negociar sobre os listados que fixeron cada unha das partes. E queiran ou non, terán que chegar a un acordo.