CRTVG

Buscar

Manzaneda acolle o XII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas

Publicado o 01/08/2021 16:20

Trescentos gaiteiros e percusionistas de toda Galicia, Asturias e Portugal fixeron soar os seus instrumentos aquí, en Cabeza de Manzaneda, a 1.800 metros de altitude. Acompañounos o tempo, fresco para a época do ano, pero o bastante solleiro para que as bandas brillasen con todo o seu esplendor.

As gaitas, tambores e pandeiretas, resoan no Macizo Central Ourensán.

"Para min é moi especial, eu son de aquí e case me naceron os dentes neste campo de vir tocar cada ano", comenta Reme, unha das participantes.

Regresan cun ano de atraso. O pasado, o certame celtibérico suspendérase pola pandemia.

Fernando Dopico, director escola municipal de Xinzo: "É unha experiencia, sobre todo para os rapaces, sérvelles para motivárense, mellorar e aprender aínda máis do habitual".

Baixo a atenta mirada dos xuíces, as bandas poñen a proba as súas destrezas: valoran a interpretación e a afinación, pero tamén a estética e a posta e escena.

Xosé Luis Foxo, organizador do certame: "O certame Celtibérico de Bandas de Gaitas é unha posta en escena do traballo das bandas ao longo da temporada".

Hai premios para os mellores, pero a principal recompensa é participar e compartir a experiencia.

"Ás veces tes nervios ao empezar, pero vaste tranquilizando". "Si que te pos nerviosa, pero pasa", apuntan dúas nenas pandeireteiras.

Hai xa tres décadas que as bandas se reúnen puntualmente en Manzaneda, dándolles a remuda ás novas xeracións.

Noticias web

01/08/2021