Manuel Riveiro grava na Coruña a banda sonora de 'Live is life', a nova película de Dani de la Torre
• A película chegará aos cines en agosto
O 13 de agosto chega aos cines Live is life, a nova película do director Dani de la Torre e participada pola Televisión de Galicia. O filme lévanos a un verán dos anos oitenta para contarnos a historia de cinco amigos adolescentes na procura dos seus soños.
Unha viaxe que non se entende igual sen a música de Manuel Riveiro. O compositor catoirán grava nos estudios Mans da Coruña a banda sonora, que "mestura o son da música popular de Galicia coa música sinfónica. Hai tamén música diexética dos anos 80", explica.
Manuel Riveiro é o compositor de cabeceira de De la Torre. Levan moitos anos contando historias xuntos. Cada un desde a súa propia linguaxe. Música ecléctica para unha historia de amizade e de autodescubrimento enmarcada na Ribeira Sacra. Live is life chegará aos cines a mediados de agosto.