Manu Sánchez confía nas xogadoras, malia o nefasto inicio de liga
O Deportivo Abanca non levanta cabeza. 6 derrotas en 6 xornadas, un inicio desastroso para as xogadoras de Manu Sánchez. Tampouco a sorte lle sorrí, ante o Sevilla perderon o encontro no último minuto. O equipo arrastra as baixas de xogadoras importantes no pasado verán, unha lousa pesada, e semella que as novas incorporacións aínda non están ben adaptadas.
"Estamos a arrastrar diferentes factores que non teñen que ser ningunha escusa, como poden ser as baixas ou mecanismos que temos interiorizados que non están a funcionar. Estamos a trocar moitos deles pero leva tempo para que as xogadoras o asimilen e as xogadoras novas entenden o que buscamos", di o adestrador Manu Sánchez.
O obxectivo da permanencia complícase máis esta temporada xa que descenden da máxima categoría catro equipos. Pero polo de agora Manu Sánchez prefire non pensar niso. "Nin por asomo estamos a formular nada diso, estamos na sexta xornada do campionato e contamos con xogar toda a liga e estamos traballando para iso. Penso que é moi cedo para complicarse a vida", asegura o adestrador deportivista.
Con 14 goles en contra, o Deportivo é o pechacancelas da categoría. Hai tempo para trocar a situación.