CRTVG

Buscar

Mantense ata o venres a recomendación de non consumir auga da traída en Corme

Publicado o 25/09/2019 14:12

O consumo de auga embotellada en Corme terá que continuar, polo menos, ata este venres, cando está previsto que se coñezan os resultados das análises que determinarán se a auga da traída está contaminada co virus causante dun andazo de gastroenterite na vila. Esta é a hipótese coa que seguen traballando as autoridades sanitarias á vista de todos os datos dos que dispoñen. Porque o contacto coa auga da traída é o nexo de unión entre todas as persoas que acudiron ao médico cos mesmos síntomas.

A análise que fixo pública Espina y Delfín, a empresa concesionaria da auga, descarta contaminación microbiolóxica, pero aínda non se sabe se tamén se pode descartar a presenza de norovirus.

O presidente da Asociación de Veciños Eduardo Pondal de Corme asegura que se tomaron mostras o luns, e que xa estiveron purgando as instalacións, polo que "é normal que non dea" positivo. E corrobora que ata o venres non haberá resultados, por iso "por precaución me transmitiron que se siga bebendo auga embotellada".

Un virus como o que causa estes síntomas pode resistir os niveis de cloración esixidos para a auga potable, e temperaturas de ata 60 graos centígrados. De aí que se siga recomendando non inxerir auga da billa nin usala para cociñar ata ter a certeza da orixe do andazo.

Mentres, as autoridades locais aseguran que vai remitindo o número de casos. Unha vez se coñeza a orixe deste andazo, Sanidade realizará unha investigación para determinar a responsabilidade.

Noticias web

25/09/2019