CRTVG

Buscar

Manos Unidas pide a doazón das últimas pesetas

Publicado o 16/11/2020 20:11

Hai quen as recorda con nostalxia, quen di que rendían moito máis que os euros e mesmo mozos que non as viron nunca. Son as pesetas, que agora se converteron nas protagonistas da última campaña da ONG Manos Unidas. Fan un chamamento para que os cidadáns as doen para eles trocalas e obter fondos para os seus proxectos no terceiro mundo.

"As pesetas que temos perdidas polos caixóns, esquecidas e que van deixar de ter valor a partir do 31 de decembro. Ao mellor certos billetes poden ter máis valor que no cambio no banco e puxémonos en contacto cun anticuario", sinala Josefina Varela, delegada de Manos Unidas en Lugo.

A acollida foi tan boa que non paran de chegar pesetas. Hai moedas e billetes, dos últimos en curso e tamén dos máis antigos. Un particular tesouro cargado de solidariedade.

"Hai xente maior que quere doar o que ten, pero non poden traelas porque son maiores e as moedas pesan moito e iremos nós recollelas. Chamaron tamén dunha vila e vano mandar eles mesmos por un transportista", sinala Ana Castro, secretaria de Manos Unidas en Lugo.

Tocou reinventarse para obter fondos dado que por mor da pandemia non puideron realizar as súas tradicionais actividades.

Noticias web

16/11/2020