CRTVG

Buscar

Manipulan a iluminación pública en Pontevea para acender ilegalmente as luces da ponte medieval

Publicado o 06/08/2021 12:40

Un acto vandálico danou a iluminación artística do viaduto medieval de Pontevea. A piratería do sistema eléctrico coñeceuse grazas á publicación nas redes sociais de fotos dos veciños. O Concello de Teo desconectou a instalación para reparala. Este precinto sinala o punto onde se manipularon os cables da iluminación da ponte.

A falcatruada descubriuse días despois, grazas á publicación de fotografías en redes sociais que foron rapidamente compartidas por ducias de persoas. O que parecía ser unha discreta inauguración era un feito obxecto de denuncia, xa que o sistema de iluminación foi manipulado sen permiso, deteriorando con iso a instalación eléctrica e con risco de que algunha persoa puidese sufrir un accidente grave ao tocar a instalación dos cables, a que lle retiraron toda protección. Abriron a tapa do farol para conectar o alumeado cando aínda non remataran de probalo e deixárono aberto.

Gozar da imaxe da histórica ponte cunha iluminación adecuada é unha vella demanda da veciñanza de ambas as marxes do río Ulla, na parte coruñesa de Teo e tamén na Estrada, na provincia de Pontevedra. Pero que este espectáculo comezase grazas a un perigoso acto vandálico foi toda unha sorpresa. A ponte de Pontevea, construída no século XVI e reconstruída no XVIII, está catalogado desde o ano 2017 como un elemento Ben de Interese Cultural, un recoñecemento que obriga a extremar a súa protección.

Noticias web

06/08/2021