CRTVG

Buscar

Manifestantes cruzan contedores nas rúas de Barcelona tras intentar superar, sen éxito, o cordón policial do Parlament

Publicado o 27/01/2020 19:58

Decenas de persoas, algunhas delas encapuchadas, están a manifestarse polo centro de Barcelona, onde cruzaron algúns contedores tras participar nunha protesta fronte o Parlament para denunciar que se retirou a acta de deputado ao presidente da Generalitat, Quim Torra.

Os manifestantes están a percorrer as rúas do centro de Barcelona próximas ao Parlament, onde antes de que se suspendese un pleno sobre a corrupción tentaron sen éxito superar o cordón policial que blindaba o acceso á cámara catalá, o que provocou momentos de tensión cos Mossos d'Esquadra.

Unha vez que decidiron abandonar as portas do Parlament ao suspenderse o pleno, algúns dos concentrados tentaron bloquear unha das portas de saída do parque da Ciutadella. Unha vez fóra do recinto, os manifestantes, algúns deles con pasamontañas e outros con bandeiras independentistas, iniciaron unha marcha en dirección á praza Urquinaona polo centro de Barcelona, onde van cruzando contedores ao seu paso, rodeados por un enxame de xornalistas.

Noticias web

27/01/2020