CRTVG

Buscar

Manifestación dos traballadores de Alcoa contra os peches na Coruña e Avilés

Publicado o 13/01/2019 18:04

Hai tempo ata o martes, din os traballadores, para evitar o peche das fábricas. Insisten en que é unha cuestión de vontade política. Pídenlle ao Goberno que actúe, que interveña as plantas e que tutele a xestión das factorías á espera dun comprador.

Desde os comités de empresa explican que: "Necesitamos que a clase política deste país non faga un ridículo mundial e lle permita a esta empresa saír coa súa. Xa está ben de palmadiñas nas costas, de discursos fáciles e fotos. Estamos cansos. Necesitamos que tomen as rendas deste asulto e que interveñan. Se non queren nacionalizar que xestionen as plantas ata que se busque unha alternativa". "Entendemos que ao Goberno lle quedan dous días para reverter a situación. Ten que pasar á acción e se Alcoa non quere reverter esta situación polas boas, o Goberno terá que tomar cartas no asunto e adoptar as medidas necesarias para que as fábricas non paren a partir do quince de xaneiro".

Uns douscentos traballadores da planta de Avilés acompañaron os operarios da Coruña nesta marcha que evidenciou un malestar evidente coa Administración central, pero tamén coas autonómicas de Asturias e de Galicia. O comité de empresa da Coruña pide reunirse con representantes da Xunta.

"A nós nunca nos dixeron nada persoalmente, pero nos medios de comunicación dixeron que nos recibirían a partir do día oito. Pois estamos agardando a que se posicionen neste conflito".

Non aceptarán a proposta de Alcoa. A multinacional pretende manter douscentos empregos e deixar operativas as fundicións das plantas. Para os demais traballadores aplicaría un ERE temporal ata xuño, á espera dun posible comprador. Representantes do Goberno municipal coruñés e de todas as forzas políticas con presenza no Parlamento galego uníronse a esta manifestación, que rematou cunha concentración diante da Delegación do Goberno.

Noticias web

13/01/2019