CRTVG

Buscar

Malestar entre os comerciantes ourensáns por ser a única cidade galega sen iluminación de Nadal

Publicado o 09/12/2020 14:20
Malestar entre os comerciantes ourensáns por ser a única cidade galega sen iluminación de Nadal

Vigo deu unha vez máis o tiro de saída. Pero ao longo da semana pasada fóronse sumando o resto das cidades galegas: A Coruña e Ferrol, Santiago, Pontevedra... Lugo foi das últimas, o sábado e por sorpresa, para evitar aglomeracións. A dúas semanas da Noiteboa, só falta Ourense.

"É unha vergoña. Se se pon iluminación terá que ser con tempo, non a última hora, tarde, mal e arrastro, como se fai aquí". "Van chegar ao final e empezar a quitar por onde empezaron", comentan dous veciños.

A música de Nadal soa na comercial rúa do Paseo, os escaparates están adornados, e os papas noeis gabean para coarse nas vivendas, pero as luces seguen apagadas para desesperación dos comerciantes que ven nos atrasos un clásico do Nadal ourensán e tiran de ironía para explicar a situación.

Luis Rivera, presidente de Ourense Centro: "Eu creo que hai un problema de calendario, como o Nadal non cae sempre nas mesmas datas...".

Sara Sánchez, comerciante: "Eu levo dous anos aquí e sempre foi igual. Chegaron a acender as luces na véspera do Nadal".

Tamén lles urxe aos veciños, ávidos de ambiente natalicio aínda que sexa con restricións: "A ver, as luces son as que dan o ambiente de Nadal, e o frío tamén". "Coa desculpa de que os nenos vexan as luces, vas ao bar da esquina, e ves un gorro que che gusta ou un pantalón e mércalo...". "Eu sinceiramente, diría que nin aquí nin en Vigo nin en ningures. Non están as cousas para que a xente se amoree, a verdade".

Os instaladores apuran as horas para cumprir coa cita do venres, a data prevista para comezar o acendido que non se fará ao mesmo tempo en toda a cidade. Será un acendido progresivo, a medida que se vaia completando a instalación en cada barrio.

Noticias web

09/12/2020