Malestar en Láncara pola supresión dun punto de ITV agrícola
A Reboleira era un dos dous lugares de Láncara onde os gandeiros podían pasar revisión dos vehículos agrícolas. Debido ao aumento das dimensións da ITV móbil, o sitio quedou pequeno, polo que a empresa concesionaria das inspeccións técnicas decidiu deixar de dar o servizo neste punto. Como resultado, numerosos usuarios teñen agora que percorrer outros 15 quilómetros a maiores de ida e volta para revisar os seus tractores en Carracedo.
"Desde Agromuralla empezamos a recabar información para saber por que se suprimiu este punto e démonos de conta de que se estaban pasando a pelota o Concello e a empresa, Supervisión e Control. Desde a empresa alegaban que este punto non reunía as condicións en canto a dimensións para aparcar o camión novo. Eles alegaban que cambiaran o camión, que é un pouco máis longo, dun eixe máis, pero nós non cremos que sexa unha circunstancia tan relevante como para que non poida aparcar aquí", di José Manuel Díaz, da asociación de gandeiros Agromuralla.
"Realmente, aquí o problema que temos é que se nos temos que desprazar a dez quilómetros, o que ten moita maquinaria na casa á que teña que pasarlle a ITV ten que estar trasladándoa todo o día. E imaxina que non lla pase a primeira vezs e teña que volver. Sería complicado".
O problema afecta os gandeiros do sur de Láncara, dos que algúns teñen que desprazarse ata 40 quilómetros no tractor para pasarlle a inspección técnica. Reclaman, por tanto, que se habilite un espazo máis próximo que reúna as condicións necesarias para instalar unha unidade móbil da ITV agrícola.
"Por exemplo, se algún ten que vir de Vilaesteva á Reboleira, inda logo vén, pero da Reboleira a Carracedo pois hai moitos quilómetros. E a xente maior, se ten que volver pásao bastante mal".
"O que vai provocar isto é que moita xente, sobre todo xente maior, vai pasar de facer este trámite. Porque lle queda máis lonxe e porque dirá que circula pouco pola estrada. Unha, que ten que pagar, e como lle queda máis lonxe ca antes, pois non vai".
Ademais, de saír desfavorable o resultado da inspección, habería que multiplicar os quilómetros que os tractoristas deberían percorrer para pasar a ITV.