CRTVG

Buscar

Mala xornada para os equipos galegos da Segunda División B

Publicado o 22/12/2019 19:00

O Pontevedra chegaba nun bo momento ao encontro co Sanse despois de tres xornadas sen perder. Pero apañaron unha malleira no campo do pechacancelas, que só gañara dous partidos ata ese momento. Joel puxo por diante aos madrileños no mintuto sete e logo caeron os tantos de Raúl, en dúas ocasións, e Fer Ruíz. O gol de Jaouad chegou no 85, cando os do Lérez xa perdían 4-0. Dura derrota da que tirar conclusións malia que Pouso prefire gañar a aprender.

"Dise que se aprende máis dunha derrota que de 20 vitorias... Pois eu prefiro gañar e ser un ignorante toda a miña vida", recoñeceu Pouso.

O Pontevedra queda a dous puntos da eliminatoria, a catro aparece o Rácing, logo de caer nas illas ante o filial das Palmas. Decidiu un gol en propia porta de Pau Bosch no 82.

O único equipo galego que sacou algo positivo desta xornada foi o Coruxo, que empatou no campo do Raio Majadahonda, o cuarto clasificado. Youseff puxo o 0-1 no 16, igualou Mesa no 82 e os vigueses quedan na zona media con 24 puntos.

Noticias web

22/12/2019