CRTVG

Buscar

Máis dun cento de televisións, radios e xornais celebran o Día dos Medios en Galego

Publicado o 07/02/2020 20:45

Máis dun cento de medios de comunicación monolingües no noso idioma celebran nesta xornada o Día dos Medios en Galego. A data escollida, o 7 de febreiro, conmemora a saída, hai 144 anos, do primeiro número de O Tío Marcos d'A Portela, que fora unha das primeiras publicacións editadas integramente en lingua galega. Segundo a última enquisa do Instituto Galego de Estatística, máis da metade da audiencia desexa máis contidos en galego. De feito, a día de hoxe só existe un xornal en papel impreso unicamente na nosa lingua.

María Vázquez, dona dun quiosco: "En galego estase vendendo bastante pouco porque tampouco sacan moitos. O único xornal en galego é o Nós Diario, e non temos ningún máis."

Si existe unha maior variedade de xornais monolingües en galego publicados en formato dixital.

"Basicamente, para informarme adoito ler o diario Nós, Praza Pública ou Galicia Confidencial. Son xornais en galego que habitualmente leo, miro e contrasto con outros medios", sinala un veciño de Lugo. 

Entre os medios en galego que hoxe celebran o seu día figuran tamén os de maior audiencia, que son a Radio Galega e mais a Televisión de Galicia.
 

Noticias web

07/02/2020