Máis dun cento de incidencias polo temporal na cidade de Vigo
Malia a súa dimensión, a caída dunha árbore en Doutor Corbal apenas provocou danos na zona de Teis onde está o centro cívico, unha escola infantil e un supermercado. Esta é unha das oitenta incidencias ás que acudiron nas últimas horas os axentes da Policía Local.
O vento tamén arrasou co panel que cubría o teito dun patio interior dun bloque de vivendas de Navia en Teixugueiras. A administradora da comunidade estima uns danos de preto de 9.000 euros. Non hai que lamentar danos persoais pola hora da caída, no lugar hai moito fluxo de xente porque o edificio ten moitos veciños e no baixo hai unha oficina de emprego.
En Vigo caeron tamén valos publicitarios en Teis, outro na avenida de Madrid canda unha árbore e tamén desde placas metálicas ata semáforos, pero sobre todo árbores, os bombeiros de Vigo tamén tiveron que coller e torar outra na Ribeira do Berbés.
O temporal foi menos duro no norte da provincia, aínda que tamén levantou a cuberta dun edificio nas proximidades da praia de Lourido, no concello pontevedrés de Poio.