CRTVG

Buscar

O volcán da Palma arrasa máis dun cento de casas e obriga a evacuar 6.000 persoas

Publicado o 20/09/2021 21:03

• Aparece en Tacande unha novena boca eruptiva e obriga a novas evacuacións | Desacelérase o avance da lava e non se prevé que chegue ao mar esta noite | Imaxes da erupción volcánica en directo 

• Sánchez garante que se vai reconstruír todo o que quede danado

 

EFE/MIGUEL CALERO

EFE

O volcán que xurdiu o domingo na Palma conta desde esta noite cunha nova boca eruptiva nas proximidades do lugar de Tacande, no concello de El Paso, que obrigou a ampliar as evacuacións, informa o 112.

Ata esta tarde, eran máis de 5.500 os veciños evacuados das súas vivendas pola súa proximidade á zona de erupción ou por atopárense as súas propiedades no camiño que previsiblemente seguirá a lava. Esta erupción, a oitava que vive A Palma desde o século XV, agroma por dúas fisuras aliñadas de norte a sur e separadas entre si uns 200 metros, con varios puntos de emisión, segundo detallou o comité científico que segue a emerxencia.
Tacande é unha poboación con 704 habitantes. O 112 non puido precisar cantos deles van ser desaloxados das súas casas, pero insiste en que a evacuación segue criterios de precaución. 

O movemento da lava na erupción volcánica da Palma, con todo, retardouse nas últimas horas e por tanto non está previsto que chegue ao mar durante esta noite, sinalou o director do Plan de Prevención de Risco Volcánico de Canarias, Pevolca, Miguel Ángel Morcuende. Isto non significa, aclarou, que a erupción diminuíse a súa actividade, xa que se deberá constatar nas próximas horas se esta redución é unha tendencia ou non.

O técnico da Dirección Xeral de Seguridade e Emerxencias do Gobierno de Canarias Jorge Parra explicou que, segundo as explicacións do Instituto Xeográfico Nacional, aínda que a deformación da illa continúa, diminuíu o tremor, pero insistiu en que non significa nada, xa que se está ao comezo do evento volcánico.

Os técnicos explicaron que a lava segue baixando á altura do núcleo de Todoque, enchendo espazos e nalgúns puntos desbórdase, pero a unha velocidade menor da prevista; no chegará por tanto á costa nas próximas horas, como se prevía. Indicaron que por agora as vivendas afectadas son un centenar, aínda que só cando culmine o proceso volcánico se poderá determinar esta afección.

Parra indicou que o que preocupa é a auga de regadío, posto que o avance de lava cortou a canle dunha subministración que, dixo, é fundamental para a agricultura da illa. Os técnicos aseguraron que se a poboación fai caso ás recomendacións das autoridades, non ten que haber problemas na seguridade das persoas.

Ata o momento, as erupcións elevaron a illa 19 centímetros. O volcán expulsa lava por nove puntos diferentes e non se descarta que poidan aparecer aínda máis bocas. 

A columna de fume e cinza expulsou máis de 9.000 toneladas de dióxido de xofre. Este luns chegaron á illa máis efectivos da UME e tamén tres hidroavións para sufocar incendios. 

Antes de que chegue a lava, baléiranse as casas. A xente sae co posto, co imprescindible, e salva os animais que pode. Vilas enteiras da illa da Palma están desaparecendo baixo o magma. Máis de 5.500 persoas tiveron que ser evacuadas dos seus fogares. E a cifra pode ir aumentando así que pasen as horas e os días.

Os turistas que estes días pasaban as vacacións na illa tamén foxen do lugar. A Garda Civil estima que nas próximas horas se pode chegar aos dez mil evacuados, e as clases están suspendidas en 20 colexios. 

As conexións aéreas coa illa, polo de agora, non sufriron cancelacións.

Noticias web

20/09/2021