CRTVG

Buscar

Máis do 80 % dos galegos non considera o machismo como principal causa da violencia machista

Publicado o 13/11/2020 13:54

Os estereotipos continúan gañando na percepción social da violencia machista en Galicia. Así o reflicten os resultados dunha enquisa realizada pola Xunta de Galicia, en que un 83 por cento dos enquisados, sobre todo os maiores, non considera o machismo como causa principal da violencia contra as mulleres.

O 88 por cento da poboación vincula violencia machista con problemas psicolóxicos ou mentais dos agresores fronte a un 80 por cento que o atribúe ao machismo.

Outro 86,9 por cento cre que as agresións machistas están relacionadas co abuso das drogas ou o alcol.

Outro dato que se desprende da enquisa é que o 20 por cento dos preguntados consideran que revisar o móbil da parella, pedirlle que cambie a vestimenta ou obstaculizar que estea coas súas amizades son problemas "leves".

A conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana, apostou por "traballar" para combater estes estereotipos. Na presentación desta enquisa, destacou que, mesmo así, medra a concienciación sobre o problema: o 80% da poboación galega percibe a violencia machista como un problema grave que compromete toda a sociedade.

Confinamento e violencia

O 65,5 por cento dos participantes considera que a violencia de xénero medrou durante o confinamento e un 87% cre que a convivencia durante as 24 horas do día supuxo "máis risco" de agresión. 

Ademáis, o 76 por cento entende que o illamento derivado das medidas restritivas adoptadas nos últimos meses "pode dificultar pedir axuda" en caso de ser vítima da violencia machista.

A enquisa foi realizada a 3.874 persoas, das que o 55,7 por cento eran mulleres.