CRTVG

Buscar

Máis do 40 % dos locais comerciais do centro da Coruña están baleiros

Publicado o 30/11/2020 14:45

O peche da hostalaría arrastrou moitos outros negocios

A rúa Real da Coruña é unha das máis afectadas polo continuo peche de negocios, tal e como corroboran algunhas traballadoras dos comercios que sobreviven:  "Aquí pecharon moitísimos de hostalaría" din, e iso arrastrou outros negocios, porque "uns tiramos dos outros"

Segundo unha investigación de dous meses, de setembro e outubro, da Asociación de Emprendedores da Galicia, na Coruña, desde o barrio de Monte Alto ata Catro Camiños, hai 1.252 baixos sen uso ou, o que é o mesmo, o 42 por cento.

O secretario desta entidade, Pablo Ruíz, explica que "o máis significativo é que a zona onde máis ocupación de baixos hai é Monte Alto, que ten un de cada catro baleiros, alí os prezos son máis baixos, e desde Juan Flórez a Catro Camiños é onde máis locais baleiros rexistramos".

Os comerciantes temen que por mor da crise económica e sanitaria a situación vaia a peor. Para evitalo, reclaman medidas como "dinamizar os barrios, peonalizar máis, iluminar mellor e inculcar na xuventude o espírito de barrio, ademáis de apoiar o emprendedor", di Ruíz, ao que remarcan desde o propio comercio onde insisten en que "faltan as axudas, teñen que chegar porque se non hai cartos a xente non hai para gastar".

Pero non todos pechan; hai quen se anima a abrir. É o caso dunha panadaríaría que se inaugurou hai só cinco días na Cidade Escolar. O seu responsable teno claro: "Hai que seguir funcionando, enfocámonos sobre todo ao take away, no pan e na repostería".

Di que a súa filosofía é reinventarse antes que morrer.

Noticias web

30/11/2020