CRTVG

Buscar

Aprehendidas sete toneladas de haxix nunha abordaxe en mar aberto no estreito

Publicado o 02/05/2021 19:00

Unha operación conxunta da Garda Civil, a Policía Nacional e a Axencia Tributaria permitiu deter tres persoas e incautarse de máis de sete toneladas de haxix en mar aberto nunha operación contra o narcotráfico no Campo de Xibraltar. A actuación policial consistiu na abordaxe dunha embarcación investigada desde hai máis dun ano polo organismo europeo de loita contra o tráfico de drogas no mar.

É unha das maiores aprehensións deste ano, no buque Felsted, un remolcador reformado para ampliar a adega e poder transportar así gran cantidade de droga, aínda coas peores condicións no mar. A operación "Baluma" realizouse durante dous días con condicións meteorolóxicas difíciles desde dous barcos da Garda Civil, unha patrulleira de altura e o buque oceánico Río Miño.

Unha vez detectado o remolcador, os axentes abordárono sen ser descubertos polos tripulantes, para escoltalo ata Alxeciras, onde descargaron 200 fardos con 7.130 quilos de haxix. As investigacións comezaron en marzo de 2020, aínda que a embarcación xa estaba baixo a lupa policial nos Países Baixos e Francia. Tras saber que unha organización criminal de alto nivel ía utilizar o buque para introducir unha cantidade elevada de haxix polas costas españolas realizáronse as xestións para efectuar a intervención con permiso xudicial e logrouse identificar os tripulantes e controlar o mercante. As investigacións permitiron a abordaxe en augas internacionais.