CRTVG

Buscar

Máis de oito mil persoas estaban citadas na vacinación masiva en Vigo para esta fin de semana

Publicado o 10/04/2021 14:55

8.300 persoas da área sanitaria de Vigo están citadas para esta fin de semana no Instituto Feiral da cidade olívica, o Ifevi, para participar na vacinación masiva contra o coronavirus. Para esta mañá había máis de dúas mil persoas convocadas de entre 75 e 79 anos, para as que estaban destinadas as doses da fórmula de Pfizer.
A xente salientaba a seguridade que lle daba a vacinación ou a nula reacción que lle daban as doses que acababan de recibir. Segundo Daniel Domínguez, enfermeiro, "a xente máis maior, o grupo máis sensible, responde moito mellor. Está máis concienciada do risco do coronavirus".

Cun ritmo de vacinación de entre un e dous minutos por persoa, e deixando unha pausa de 15 minutos para comprobar que non hai reaccións adversas, o operativo continuará nas vindeiras horas coa vacinación de 6.000 persoas do segmento de idades comprendidas entre 60 e 65 anos. Ademais destas, hai unhas 700 persoas citadas en xornadas previas, pero que non puideron acudir á convocatoria. Todos eles recibirán a formulación de AstraZeneca.

"A vacina pasou todos os procesos de seguridade e eficacia, e é segura. Os casos que están agora en xuízo son residuais. Falamos de cifras moi baixas que non corresponden coa alarma que se creou", comenta Daniel Domínguez.

Dende o martes pasado a área sanitaria de Vigo tiña previsto vacinar unhas vinte nove e mil persoas ata este domingo e continuará este proceso de vacinación masiva durante a vindeira semana.

Noticias web

10/04/2021