CRTVG

Buscar

Máis de mil mortos polo coronavirus

Publicado o 11/02/2020 08:50

Con máis de mil mortos e 42.000 infectados na China, a OMS enviou un equipo de expertos ao país e convocou para hoxe unha reunión en Xenebra para acelerar o desenvolvemento de diagnósticos, tratamentos e vacinas contra o coronavirus. Preocupan os casos de contaxiados que non pasaron pola China, e insiste en que non se debe politizar a epidemia.

Fóra da provincia de Hubei, o maior foco do andazo está no cruceiro Diamond Princess, amarrado no porto xaponés de Yokohama e no que hai polo menos 135 contaxiados entre 3.700 tripulantes e pasaxeiros. A outro cruceiro, o Westerdam, denegóuselle o atraque en Tailandia despois de serlle rexeitado tamén en Xapón, Taiwan, As Filipinas e Guam.

En Hong Kong, dous casos confirmados no mesmo bloque e outros catro con síntomas acenderon as alarmas nun barrio onde se produciu o desaloxo de máis de cen residentes de 35 edificios.

En España, con dous casos confirmados, investígase outro en Valladolid. Polo de agora non hai ningún contaxiado na península ibérica: ese é o argumento que esgrime a organización do Congreso Mundial de Móbiles de Barcelona para chamar á calma ante o evento, que rexeitan cancelar ou pospoñer. Con todo, continúa o goteo de cancelacións, que afecta ao dez por cento da superficie do recinto feiral, con baixas como as de Amazon, Sony ou Ericsson, mentres outras como Samsung anuncian que enviarán unha representación menor. 

Noticias web

11/02/2020