Uns 40 positivos e un cento de persoas en corentena tras unha voda en Lugo
O gromo que afecta a varios veciños de Meira orixinouse nunha voda. Os noivos son da Pastoriza e de Castro de Rei, onde tamén subiron os casos de coronavirus derivados desta celebración.
Os positivos xa suman máis de corenta casos, e rexístranse en varios concellos, ademais de na capital, e mesmo fóra de Galicia.
Entre invitados e contactos directos son máis dun cento de persoas as que están afectadas, polo que están en corentena.
Desde o primeiro momento os organizadores da voda colaboraron, o que facilitou o seguimento dos posibles infectados.
Con todo, iso non quita que haxa preocupación.
O banquete da voda tivo lugar hai unha semana en Lugo, onde se dispararon os casos.
En Meira e Castro de Rei a incidencia acumulada xa supera os 250 positivos por cada cen mil habitantes. Na Pastoriza sitúanse entre 125 e 250.